Monday 29 de April de 2024

O Concello prevé un aforro de 3.000 euros ao ano coa nova iluminación do campo de fútbol Borja Rodríguez Ans


As obras contaron cun orzamento de 14.682 euros máis IVE e serviron para substituír oito luminarias halóxenas por 16 unidades con tecnoloxía LED.

O campo de fútbol Borja Rodríguez Ans loce, desde o pasado venres, un novo sistema de iluminación. O Concello de Carral acaba de concluír as obras para instalar o alumeado, tanto no terreo de xogo como nos vestiarios da instalación deportiva. Con estas intervencións, o goberno local aposta, unha vez máis, pola eficiencia enerxética. Tanto é así, que segundo as previsións do equipo de goberno, este investimento suporá un aforro de 3.000 euros ao ano.

O proxecto, que contou cun investimento de 14.682,56 euros máis IVE, consistiu na substitución das oito luminarias halóxenas existentes por 16 unidades LED (catro por torre). Esta tecnoloxía traerá consigo unha importante redución no consumo enerxético, que pasará dos 16 aos 8 kW/h, co seu correspondente aforro económico.

A maiores, a incorporación deste sistema suporá tamén unha mellora dos niveis luminosos para a práctica deportiva, corrixindo os déficits que esta dependencia presentaba en canto a alumeado.

O Concello renovou tamén as luces nos vestiarios e duchas, cambiándoas por outras de tipo LED, que mellorarán as condicións lumínicas e ofrecerán unha maior durabilidade.